Saúde mental
A raíz da pandemia que nos asola xurdiu convenientemente o tema dos trastornos mentais. Eu estoupei. E fíxeno como xamais crin poder facelo. Un maremágnum de emocións negativas (ira, tristeza, vergoña, rabia, desgusto, pena) apoderouse de min e tiven a sorte de caer en boas mans. Unha psicóloga da seguridade social que recolleu os meus anacos do chan e volveu unilos con mestría. Axudándome a eliminar a culpabilidade como elemento principal. Bueno, iso e a axuda dunhas pastilliñas marabillosas que me guiaron para reencontrarme, iso si, tras probar varios tratamentos que me zombificaron durante semanas e me neguei a seguir consumindo. Debo dicir que a parte química da miña recuperación estivo bastante contaminada pola psiquiatra.
« Non é baladí cando se afirma que a recuperación mental provén dun mesmo. Debes aferrarte a calquera madeira que te manteña a flote. »
Dende logo no meu caso. Eu atopei varias achas coas que formei un gran tronco. As horas de sono, a alimentación, o xaxún, respirar, meditación, deporte… e sigo aí, como un exfumador lembrando cada mañá por que me levanto e cara a onde vou. Son preguntas difíciles, pero na procura de resposta está a clave, supoño.
E diso falo na peza, de caída cara ao abismo. Do caos como factor dominante e das ferramentas que dende hai 2 anos utilizo cada día da miña nova existencia.
Espero que a desfrutedes, e se algunha vez me vedes tan afundido que se me confunda co lodo do fondo do mar, dademe unha aperta e un Elontril. O resto, coma sempre, é cousa miña.